terça-feira, 12 de novembro de 2013

Compañeira Victoria


O pasado Venres, 8 de Novembro de 2013, falecía a nosa compañeira Victoria.

A nosa estimada e querida compañeira Vitoria Fernández Paredes, deixaba-nos logo, dunha breve, mais grave enfermidade.

Victoria, era unha activista social, participaba no Foro e Encontro Social de Ferrol Terra, e foi cofundadora de Arméria Sociedade Cooperativa Galega, formando parte do seu primeiro Consello Reitor. Non puido ver desenvolvidos os proxectos de construción social nos que estamos inmersos. Mais se participou activamente na posta en marcha da Tenda de Troco e na Rede de Apoio Mutuo, onde participaba na loita por unha vivenda digna e adecuada con Stop-desafiuzamentos.

Victoria, chegou á Rede Social de Ferrol Terra, desde a Asociación Cultural Fuco Buxán e o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. O seu compromiso social era grande, imos-che botar de menos Victoria. Mais o compromiso de Victoria non era de agora, dos últimos anos, senón que a nosa  Compañeira ten unha vida de dedicación plena á loita pola xustiza, pola igualdade, a solidariedade e a fraternidade. Este compromiso exercía-o con xenerosidade e bondade.

Victoria era a compañeira do xa finado Carmelo Teixeiro, co que compartía activismo nos, xa mencionados, Comité Cidadán de Emerxencia e asociación 'Fuco buxán'.

No nome de todas as persoas, boas e xenerosas, que formamos parte das entidades da Rede Social de Ferrol Terra queremos enviar un saúdo, con dor mais con esperanza e gratitude, fraternal e solidario aos seus fillos Juan Ramón, Carmelo e Noé, ás súas compañeiras, netos e netas, aos seus hirmáns Angeles e Ricardo, demais familia e amizades.

|||||||||||||||||

sexta-feira, 25 de outubro de 2013

A "Semana Galega de Loita contra as Fronteiras" chega este vernres 25 de Outubro às 20h. ao Ateneo Ferrolán

Durante esta semana unha serie de colectivos sociais (Foro Galego da Inmigración, Raias Traveseiras, Grupo de Axitación Social, ODS-Coia e Liga Estudantil Galega) organizan a Semana Galega de Loita contra as Fronteiras, con actos en Vigo, Compostela, Ourense, A Coruña e Ferrol (en Ferrol será o venres 25 a partir das 20h. no Ateneo Ferrolán), e que contará coa participación de Eduardo Romero, integrante do colectivo asturiano Cambalache, autor de diferentes textos sobre políticas migratorias e co-autor do libro ¿Qué hacemos con las fronteras? (AKAL), que presentará en todas as cidades.


En Ferrol estarán Eduardo Romero, Carlos Piñeiro (Profesional do SERGAS) e Maite Bustamante baixo o título "Fronteiras. Diferentes dispositivos, mesma función. Políticas migratorias e exclusion de dereitos."

"O noso obxectivo nesta Semana é denunciar a situación que permanece máis invisible, desas fronteiras que están no cotián. Para nós a exclusión de dereitos é unha fronteira invisible". Mari Fidalgo, do Foro Galego da Inmigración.

Mais información e entrevistas en:


|||||||||||||||

segunda-feira, 28 de janeiro de 2013

Entre o 26 e o 30 de Marzo de 2013, vai ter lugar o Foro Social Mundial en Tunez

Home

Que é o Foro Social Mundial?

O Foro Social Mundial é un espazo democrático de debate de ideas, de análises e reflexión, de formulación de proposicións, de intercambio de experiencias e de articulación dos movementos sociais, redes, ONGs e doutras organizacións da sociedade civil que se opoñen ao neoliberalismo e á dominación do mundo polo capital e por toda forma de imperialismo. Despois do primeiro encontro mundial de 2001, este proceso mundial de procura e de construción de alternativas ás políticas neoliberais continuou. Este é un dos puntos da Carta de Principios do Foro Social Mundial.

O Foro Social Mundial caracterízase igualmente pola súa pluralidade e pola súa diversidade. Non é confesional, nin gobernamental, nin partidario. O que propón é facilitar a articulación, descentralizarse e, en forma de redes, de asociacións e de movementos comprometidos, tanto a nivel local como internacional, construír outro mundo a través de accións concretas, sen pretender encarnar unha instancia representativa da sociedade civil mundial. O Foro Social Mundial non é unha asociación nin tampouco unha organización.

Web oficial do Foro Social Mundial de Tunez 2013:
http://www.fsm2013.org/es

Web oficial do Foro Social Mundial
http://www.forumsocialmundial.org.br/
________